servizo de axuda no fogar (saf)

 

 

          Obxecto

O servizo de Atención no fogar está dirixido a toda a poboación, pero ten como prioridade aquela cidadanía que presenta disfuncións ou discapacidades que limitan a súa autonomía persoal e a súa capacidade de relación social e que teña dificultades para procura-lo seu benestar físico, social e psicolóxico, prestándolles unha serie de atencións ou coidados de carácter persoal, psicosocial e educativo, doméstico e técnico, proporcionándolles a posibilidade de continuar no seu contorno natural, mentres isto sexa posible e conveniente.

Ós usuarios deste servizo cóbraselles segundo a ordenanza reguladora.

Criterios para concesión do servizo

Os criterios para a concesión do servizo deben basearse en indicadores flexibles que permitan realizar a valoración das necesidades realizada pola traballador/a social ou, no seu caso, polo equipo interdisciplinar, tendo en conta as diferentes circunstancias:

•   autonomía persoal para a realización de actividades da vida diaria 
•   situación sociofamiliar

   situación socioeconómica da unidade de convivencia
•   outras situacións e factores máis específicos como o estado da vivenda, acceso ós recursos do contorno, etc...

Tipoloxía de atención

• Domésticas: enténdense como tales aquelas actividades e tarefas que se realizan de forma cotiá no fogar relacionadas coa alimentación, roupa, limpeza e mantemento da vivenda.

• De carácter persoal: inclúe actividades relativas a facilitar apoio social e afectivo, tales como compañía, hixiene persoal, acompañamento a xestións e apoio á mobilización dentro do fogar.

Dentro destas actividades contémplase o Servizo de Fisioterapiaprestado ós usuarios/as do SAF por unha empresa privada .

• Psicosociais e educativas: consistentes no apoio ao desenvolvemento das capacidades persoais, a afectividade, a integración na comunidade, así como apoio á estruturación familiar.

• De carácter técnico e complementario: refírense ás xestións ou actuacións que poidan ser necesarias, ben para o funcionamento do servizo, ben para que continúe en condicións axeitadas, ou para permitir, co apoio de novas tecnoloxías, unha atención inmediata en situacións de crise ou emerxencia, tales como a teleasistencia e outras actuacións encamiñadas á adecuación funcional do fogar.

Teleasistencia domiciliaria

A teleasistencia domiciliaria é un servizo de atención telefónica ininterrompida, cun equipamento de comunicacións e informática específicos. O sistema consta dunha unidade de alarma que leva a persoa, un terminal telefónico e unha central informatizada receptora de chamadas, situada no Centro de atención. Permite ós usuarios ante calquera situación de emerxencia e só con pulsar un botón comunicarse coa central, atendida por persoal especializado, para dar resposta á crise presentada.

É un recurso dirixido a persoas con discapacidade e a persoas maiores que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida dos usuarios permitíndolles permanecer nos seus domicilios.