IDADE MEDIA

Grazas á "Colección diplomática do Mosteiro de Oseira" e ó "Catálogo del archivo Monacal de Osera en 1629" ámbalas dúas obras de Miguel Romaní, sabemos algunhas cousas do Piñor da Idade Media:

  • Poboamento: O poboamento na Idade Media era parecido ó de agora agás algunhas diferenzas co presente. Así, na documentación cítanse localidades que agora mesmo non existen ou danse nomes dalgunhas parroquias que os mudaron dende aquela época. Por exemplo, das parroquias de Torcela e Barrán nada se sabía, aínda que o número de parroquias era o mesmo que na actualidade. Neste período tamén se mencionan as pontes da Mirela e de Arenteiro
  • Camiños MedievaisElisa Ferreira Priegue cita na súa obra "Los caminos medievales de Galicia" que diversos camiños atravesaban o actual concello de Piñor, sendo o máis importante o camiño medieval que partindo de Ourense ía a Santiago pasando por: Cudeiro, Tamallancos, Ponte Sobreira, Sobreira, Faramontaos, Viduedo, Casas Novas, Cea, Piñor, Ponte Arenteiro e Carballeda, penetrando así na terra do Deza para continuar ata Santiago. Vicente Risco precisa algo máis o percorrido polo concello no seu libro: "Geografía del Reino de Galicia" apuntando que dende Cea o camiño atravesaba: Ponte Cotelas, A Canda, Ponte Mirela, Barrán, Piñor e Carballeda. Pola disposición das casas a ámbolos dous lados do camiño, deducimos que A Mirela, Senderiz e Piñor deberon xurdir grazas a esta vía medieval. Outros camiños, segundo esta mesma autora, eran: un que desviándose da ruta Ourense-Santiago atravesaba A Canda por Guimarás para chegar a Oseira, e outro que partía da ponte do Arenteiro e que se dirixía, remontando o río Arenteiro pola marxe esquerda, a Castro de Vence.
  • A importancia de Oseira: Oseira adquiriu en tódalas parroquias de Piñor moitas terras e propiedades mediante doazóns e compras. Estas terras e posesións que ía adquirindo o mosteiro eran aforadas por el a cambio dunha renda. Para vixiar que estas terras aforadas fosen ben traballadas e para recoller as rendas de cada terra, Oseira contaba, segundo un tumbo do século XIV: o "Rotello Vello" cunha serie de maiordomos distribuídos polas parroquias da seguinte maneira: A Canda, Coiras, Carballeda, Torcela e Barrán xunto con Loeda. Esta obra tamén nos informa de qué se cultivaba nas parroquias e que tamén servía de pago da renda ó mosteiro: o centeo (máis abundante), o millo e un produto chamado "utriusque panis" que sería unha mestura de gran de millo, cebada e centeo. Parece ser que tamén Oseira impulsou o cultivo do viñedo nas súas posesións, entre elas, na parroquia de Loeda.