PERSONAXES ILUSTRES DE PIÑOR

Piñor é un territorio do interior ourensán que conta non só cun rico e variado patrimonio natural e artístico, senón que destaca ademais polos importantes personaxes que habitaron estas terras.

Entre os personaxes ilustres que forman parte da historia e do esplendor pasado de Piñor, destacamos os seguintes:

CARMEN RODRÍGUEZ DE LEGÍSIMA (1896- 1980) E FAMILIA

Carmen Rodríguez de Legísima, unha das grandes pintoras de Galicia, naceu no Pazo de Lousado (Piñor) en 1896. Pertencente a unha familia acomodada de terratenentes e xuristas, estudou a carreira de Maxisterio que nunca exerceu. A súa vocación pola pintura absorbeu a súa vida con semellante peculiaridade xa que apenas foi coñecida porque viviu na máis absoluta intimidade.

Na actualidade aínda se conservan no Pazo de Lousado os “cabaletes” que sostiñan os seus lenzos e nos cales deixaba voar a súa imaxinación. Todo parece estar esperando por ela xa que todo segue no seu lugar...

O Pazo de Lousado é un lugar máxico, unha “xoia” que nos permite retroceder no tempo e imaxinarnos con facilidade cómo vivía unha familia adiñeirada fai uns anos.

Pazo de Lousado

Nel consérvanse decenas de cadros da pintora, a maioría dos cales son retratos de familiares, de santos e membros da Igrexa, bodegóns, flores e paisaxes de pobos de Piñor que Carmen vía desde o seu Pazo de Lousado.

Ademais, o Pazo tamén está decorado con varios cadros da súa irmá Matilde, que tamén pintaba, aínda que nunca alcanzou tanto recoñecemento.

Carmen de Legísima realizou a súa primeira exposición, xa de maior, en 1943, na Sala Macarrón de Madrid animada polo pintor Salaverría. Ese mesmo ano concorre á Exposición Nacional de Belas Artes co seu cadro "Mi Hermana", hoxe na Colección Caixanova, e obtén a primeira das medallas de prata.

Entre 1945 e 1962 e, moi ocasionalmente, expuxo a súa obra en exposicións colectivas en Londres, Lisboa e Roma, alcanzando un gran recoñecemento. Será en 1965 cando expoña de novo en Madrid, cando xa circula, entre os interesados pola pintura, o desexo de saber quen é esa muller, descoñecida nos círculos habituais da arte, que foi eloxiada nada menos que polo sempre sobrio, Enrique Lafuente Ferrari, quen dixo que era "a Solana Femenina".

 

No Salón de Outono de Madrid de 1968 obtén a primeira medalla. Ó fin, dáse a coñecer en Vigo, onde fai a súa primeira exposición en 1979.

Lonxe de calquera vida social, Carmen de Legísima vive o drama íntimo de aprender a pintar coa man esquerda xa que unha gravísima enfermidade paralizou a metade esquerda do seu corpo. De aí que os últimos cadros da artista amosen peculiaridades que non tiña a súa anterior produción.

A súa obra está no Museo Español de Arte Contemporáneo de Madrid, no Museo de Castrelos en Vigo, e en coleccións institucionais e particulares. Agora ben, outros museos búscana, convencidos de que se trata dunha firma clave da arte galega do século pasado.

Por outro lado, na familia Legísima debemos destacar tamén a un dos seus irmáns que chegou a altas xerarquías na vida relixiosa e foi conservador dos chamados Santos Lugares de Xerusalén.

Un dato curioso que se debe mencionar ó falar desta nobre familia é que un dos seus membros, o Ilustrísimo Señor Don Eduardo Rodríguez de Legísima foi o autor do proxecto e dos plans e o supervisor da construción da nova igrexa de San Paio de Loeda, a cal, ó parecer, levouse a cabo grazas á doazón económica dunha señora de Madrid a D. Eduardo para que fixera “algo” no seu pobo.

San Paio de Loeda Personaxes

Unha anécdota curiosa e que se comenta entre os nosos maiores é que a Igrexa se construiu orientada cara Lousado, de tal forma que Don Eduardo podía vixiar as obras desde o seu Pazo.

Sen dúbida, esta familia, que se paseaba por Piñor cos seus cabalos e ca súa impresionante carruaxe, encerra un gran misterio e esperta diferentes sensacións e curiosidades na mente de todo aquel que escoita falar sobre ela.

ANTONIO RIVERO DE AGUILAR

A familia Rivero de Aguilar era unha familia adiñeirada de Santiago, á cal pertencía D. Antonio Rivero de Aguilar e de Naya que se asentou en Piñor na primeira metade do século XIX fundando a histórica e importante fábrica de papel de Lousado xunto coa súa dona, Dª Juliana Rodríguez Enríquez, natural de Celanova (Ourense).

Segundo o Madoz (dicionario Xeográfico-Estadístico-Histórico de España) dita fábrica foi construída en 1836 e nela traballaban 38 persoas, saíndo diariamente 19 resmas de papel branco e 6 de estraza, papel que se destinaba para a exportación.

A fábrica de papel de Lousado foi coñecida en toda Galicia e no ano 1880 a viúva de Rivero de Aguilar obtivo un diploma honorífico pola produción de papel (que se conserva na propia fábrica) na “Exposición Rexional de Galicia” celebrada en Pontevedra.

Don Antonio Rivero de Aguilar tivo varios fillos entre eles Cándido e Eduardo Rivero de Aguilar e Rodríguez. Sábese que o primeiro dedicouse á política, saíndo elixido nunhas eleccións municipais deputado polo Carballiño.

 Personaxes  ilustres 06 Personaxes 

Ambos están enterrados xunto ós seus pais nun panteón que a familia Rivero de Aguilar posúe na igrexa vella de San Paio de Loeda.

O BEATO JUAN JACOBO FERNÁNDEZ

O beato Juan Jacobo Fernández Fernández naceu en Moire (parroquia de Carballeda) o 25 de xullo de 1808 no seo dunha familia numerosa, pois tiña seis irmáns, entre eles Rosa, bisavoa do coñecido premio nobel de literatura, Camilo José Cela.

En 1831 Juan Jacobo ingresou no convento franciscano de Herbón (A Coruña), pero máis tarde, co decreto de exclaustración de 1835, viuse obrigado a deixar a vida monacal e regresou a Moire, o seu pobo natal.

Con cincuenta anos, robusto, de boas costumes e como complemento de todo isto, moi piadoso, en 1859, partiu para as misións franciscanas de “Terra Santa” chegando ó seu destino, Damasco, a inicios de 1860.

Alí foi martirizado xunto ós demais franciscanos pola súa fe a Cristo, o 9 de xullo de 1860. Posteriormente, foi beatificado solemnemente polo Papa Pío XI, o dez de outubro de 1926.

Desde entón, Juan Jacobo Fernández é venerado nos altares, especialmente no seu municipio natal, Piñor. A súa festa litúrxica celébrase cada 10 de xullo rememorando a súa xesta gloriosa.

Camilo José Cela, familiar do beato, dedícalle unhas liñas na súa obra “Mazurca para dous mortos”, obra que transcorre nas aldeas e parroquias do municipio de Piñor.

Na fachada da igrexa de Carballeda hai un busto de bronce do beato e unha lápida de mármore conmemorativa, mentres que no seu interior e na capela do Reino gárdanse imaxes en madeira do beato.

En Moire aínda se conserva a súa casa natal.

ilustres 07ilustres 08