PREHISTORIA

O actual concello de Piñor estivo poboado na prehistoria xa que conta con diversas mámoas (enterramentos prehistóricos).

 

diccionario Madoz (1845) ó falar da parroquia do Desterro recolle a existencia destes enterramentos. 

 

Tamén conta Piñor con asentamentos castrexos, caso do castro que se alza a uns 500 mts do pobo de Guimarás, na parroquia da Canda, único xacemento coñecido da época castrexa no Concello. O castro non foi escavado pero si catalogado e explorado polo prehistoriador galego Florentino Cuevillas, quen o incluíu no "Catálogo dos castros da Terra do Carballiño" publicado na revista "Nós" co nome de Outeiro do Castro. Segundo este autor, trátase dun castro de pequenas dimensións (64 mts de longo por 54 de ancho) emprazado ás beiras do río Mirela, chamado nestre tramo Río do Castro, o cal lle serve de defensa natural.  

 

Sobre o castro existen diversas lendas recompiladas: unha delas afirma que alí vivían os mouros e outra conta a historia dun home, xa vello de Piñor, que foi ó castro acompañado por outros homes que se puxeron a ler libros de maxia e a facer debuxos no chan provocando que o vento soprase tan forte como para que este home se asustara e morrera de medo.