ROMANIZACIÓN

  • Asentamentos: Florentino Cuevillas sinala que a 1 km aproximadamente do castro de Guimarás e nun lugar indeterminado da parroquia de Barrán, atopáronse, a inicios do século XX, tres canos de 60 cms de longo feitos de pedra e ladrillos. Segundo a opinión deste autor, a finalidade destes canos sería a de condución de augas engadindo ademais que estes restos atopados en Barrán posiblemente formaran parte dalgunha vila romana.

Nós coidamos que o lugar onde apareceron estes canos debeu ser nunha canteira próxima ó pobo de Piñor, lugar no que a tradición popular sinala que se atoparon "pedras dos mouros". 

O profesor Rodríguez Colmenero ita na súa obra "Galicia Meridional Romana" certos topónimos que recordarían a existencia de asentamentos romanos como Barrán e Fontao. De ser certa esta afirmación, as poboacións de Barrán, na parroquia do mesmo nome, e a de Fontao, da de Coiras, serían posibles asentamentos da época romana.

  • Minería: Na obra xa mencionada deRodríguez Colmeneromenciónanse diversos topónimos relacionados coa minería romana, entre eles,A Canda. As localidades deArenteiroeArenteiriño(Barrán) estarían relacionadas coa explotación de prata pois ámbolos dous nomes derivan da palabra latina "argentus" que significa:prata, nembargantes estes topónimos debémolos tomar con precaución pois segundo o profesor Colmenero puideron xurdir en época romana ou posterior. Outro lugar que no pasado debeu estar relacionado coa minería romana éGrobas(Torcela). Grobas é un topónimo sumamente suxerente e revelador dalgunha explotación mineira dos romanos.
  • Calzadas Romanas: Noutra obra de Rodríguez Colmenero, titulada"La red viaria romana del sudoeste de Galicia" sinala a posible existencia dunha calzada romana que partindo de Portela do Home, atravesaría os ríos Homem e Limia, e as localidades de Entrimo, Arnoia, Ribadavia e O Carballiño. Dende aquí a calzada tomaría dúas direccións hipotéticas: unha opción sería que a calzada se adentrase no concello de Piñor por Lousado (Loeda)para logo continuar pola estrada de Ourense-Santiago (aínda que non o di, supomos que se refire á estrada vella de Santiago). Esta estrada construíuse aproveitando o trazado por riba da suposta vía romana. A outra dirección hipotética sería que a calzada atravesase o concello de Piñor para dirixirse por Oseira e Confurco ata Lugo.