SÉCULO XIX

No século XIX xurdiu o concello de Piñor,  o cal recibiu o seu nome pola localidade que lle serve de capital: o pobo de Piñor da parroquia de Barrán. Para ser máis precisos, segundo Xosé Fariña Jamardo na súa obra: "Os Concellos Galegos",  as primeiras noticias do Concello datan do 7 de xullo de 1821. Nesta época, no actual Concello existían dous: o de Desterro e o propio de Piñor.  

 

Entre 1935 e 1936 nace o actual concello de Piñor composto polas 7 parroquias que hoxe o forman. Segundo o libro xa citado de Xosé Fariña Jamardo, sabemos que a Deputación autorizou, tras taxar a casa de D. Agustín Rodríguez en 700 escudos, a compra da mesma para que servise de Casa do Concello.   

O diccionario Madoz (1845) dános unha idea de cómo era o Concello por aquela época. A poboación do Concello era de 2840 veciños, a economía era fundamentalmente agrícola e gandeira, complementada con actividades de caza e pesca; a industria era escasa predominando os muíños que estaban repartidos por tódalas parroquias. As parroquias de Torcela e A Canda contaban con teares e lenzos. A parroquia da Canda era a máis "industrializada", pois nela, das actividades xa citadas, había unha fábrica de curtidos e os seus veciños adícabanse " al corte de maderas y a los oficios mecánicos de primera necesidad". Tamén se cita a famosa fábrica de madeira de Lousado que data de 1940. Esta economía tiña saída no comercio destacando a parroquia de Loeda que exportaba papel, gando e excedentes agrícolas e a cambio importábanse roupas e comestibles do Carballiño. Tamén sinala esta publicación que existía unha escola en cada parroquia, a excepción das de Torcela e Loeda.   

 

Destacan nesta época algúns personaxes no Concello como eran a familia Rivero de Aguilar, que era unha familia adiñeirada de Santiago e que chegaron ó Concello fundando a xa citada fábrica de papel. Tamén cómpre destacar ó beato Juan Jacobo Fernández Fernández, nado en Moire (Carballeda) o 25 de xullo de 1808 e que participou nas misións franciscanas chegando ata Damasco onde foi martirizado xunto con outros 7 compañeiros en 1960. Foron beatificados polo papa Pío XI o 10 de outubro de 1926.   

 

Por último citar que D. Ramón Otero Pedrayo no seu traballo "La encomienda de Beade de la orden de Malta" sinala a presenza en Piñor dunha orde relixiosa, a encomenda de Beade, que tiña posesións nas parroquias de Barrán e Loeda, pero non especifica qué tipo de posesións tiñan.