SÉCULO XX

Podemos saber cómo era o concello de Piñor a inicios do século XX grazas á "Geografía del Reino de Galicia" (1930) de Vicente Risco. Segundo esta obra, Piñor contaba con nove escolas repartidas deste xeito: A Canda e Albarona contaban con dúas escolas respectivamente, mentres que no Reino, Torguedo, Sobrado, Coiras e Torcela contaban con candasúa escola mixta.  

A economía do Concello seguía sendo agrícola e gandeira principalmente. A industria estaba representada principalmente por unha fábrica de mobles en Loeda, varios aserradeiros ó longo da estrada de Santiago, 10 fábricas de curtidos repartidas entre as localidades de Porto do Souto, Piñor, Lousado e O Reino; e finalmente a fábrica de papel de Lousado adicada a producir papel de filtro de gran calidade que se destinaba á exportación. Estas actividades económicas complementábanse cunha feira que se celebraba o día 5 de cada mes en Arenteiro.   

Posteriormente o "Diccionario geográfico de España" de 1960 destaca tamén a existencia de 158 colmeas repartidas por todo o municipio ademais de 5 granxas avícolas. A minería tamén estaba presente pois había diversas canteiras de pedra. En canto á industria, cítanse 12 fábricas de curtidos, 5 de cadaleitos, uns 74 muíños (50 deles tipo familiar) e por suposto, a fábrica de papel de Lousado. A pesar de todo este tecido industrial esta obra destaca a existencia de emigración cara a Arxentina, o Brasil e Venezuela.   

Algo que vai caracterizar ó Concello no século XX é o descenso masivo de poboación dende comezos do mesmo ata a actualidade e que chegou a mermar a poboación dende os case 4000 habitantes ata os 1500 actuais. As razóns que se barallaron para este fenómeno foron: a emigración, a alta taxa de mortalidade e a marcha da xente cara outros concellos coma O Carballiño e Ourense.    

Cómpre mencionar neste século a unha personaxe ilustre como foi a pintora Carmen Legísima, nada no Pazo de Lousado en 1904 e finada en Vigo en 1980. Segundo a "Gran Enciclopedia Gallega" a súa afección pola pintura iniciouse xa dende pequena pois pronto tería xa os seus primeiros cadros. Xa de maior acadaría diversos premios: na "Exposición Nacional de Bellas Artes" en 1943 e a medalla do "Salón de Otoño" de Madrid en 1948. Entre 1945 e 1962 expuxo a súa obra en diversas exposicións colectivas en Londres, Lisboa, Roma e Madrid acadando unha gran sona. Bodegóns, retratros, temas relixiosos, flores e paisaxes constitúen a temática dos seus cadros que se gardan na súa casa de Vigo e no Pazo de Lousado. Fóra do ámbito familiar, un cadro é propiedade da "Caja de Ahorros Municipal de Vigo", outro atópase no "Museo de Arte Contemporáneo" de Madrid e outro máis está nunha colección particular en Ourense.