Fontes

 

Fonte da Mirela (1257)atópase situada nas proximidades do vello camiño medieval que atravesa o pobo da Mirela. É unha fonte sinxela que se encontra nun pequeno desnivel, dotada con dous canos: un deles verte auga sobre un improvisado pilón de pedra. A nivel histórico a fonte aparece nomeada nun documento medieval do ano 1257 no cal se fai unha venda dunha herdade ó Mosteiro de Oseira.

 

Fonte da Mirela 

 

 

 

Fonte do Pazo de Vilariño (1680)está situada ó pé da estrada que une a N-525 Ourense – Santiago con Cotelas, e como o seu nome indica, en frente ó Pazo de Vilariño (parroquia da Canda). Trátase dunha fonte sinxela de pedra adosada ó muro que hai diante do pazo. Na parte inferior atópase a fonte protexida por unha porta de madeira, e na parte superior, ten un frontón rematado en punta e coroado cunha bóla redonda no que pode verse o ano de construción, 1680.

 Fonte do Pazo de Vilariño
   

Fonte da igrexa de Barrán (1801)detrás da igrexa de Barrán atópase situada esta fonte ata a que se accede por un camiño de terra que hai detrás da nomeada igrexa. Trátase dunha fermosa fonte de pedra de forma rectangular feita de sillares graníticos e coroada cun frontón apuntado con tres pináculos: o central debía estar rematado cunha cruz, hoxe desaparecida, no pináculo da esquerda figura a inscrición "AÑO" e no da dereita "1801". A parte inferior da fonte conta cunha fornela na que aparecen as figuras de S. Xoán e Cristo (que porta nunha man a bóla que representa o mundo) nunha curiosa disposición, pois é Cristo quen bautiza a S. Xoán. Enriba da fornela hai un escudo de pedra que representa unha man agarrando un cruceiro. Rodeando o escudo hai diversas inscricións que compoñen o nome da persoa que mandou edificar a fonte "DON JOAQUÍN BARROS"

 

 

 

Fonte da igrexa de Barrán