IGREXAS

IGREXA DE SAN XOÁN DE BARRÁN (XIII)é unha igrexa de nave única, sendo salientable a súa fachada de porta adintelada con pináculos ós lados sostida por pilastras. Sobre a porta, un gran óculo enche de luz o interior. A fachada está rematada por unha espadana dobre con balaustrada. O interior conta cun retablo barroco de tres rúas separadas por columnas salomónicas de decoración vexetal no cal destacan as imaxes de S. Roque, S. Antonio e S. Francisco, contando tamén con diversos obxectos de prata: un cáliz, unha custodia e un incensario, todos do século XVIII, unha cruz parroquial barroca e un copón do século XIX. A data da que se ten referencia da súa construción é do ano 1226.

Igrexa de San Xoán de Barrán 

IGREXA DE SAN MAMEDE DA CANDAé unha sinxela igrexa de nave única con fachada con porta adintelada con pilastras ós lados que sosteñen un frontón triangular cuxas puntas non chegan a unirse e decoran o frontón a ámbos lados varios pináculos. No interior do frontón a imaxe de S. Mamede preside a fachada rematada en espadana dobre. O exterior da cabeceira da igrexa está decorado por un magnífico crucificado procedente dun cruceiro. No seu interior hai unha cuberta de madeira e unha pequena capela documentada no ano 1668 á cal se accede por un marco de medio punto no que está labrado o escudo dos señores do pazo de Reda, os donos da capela. A igrexa conta con diversos retablos barrocos, entre os que destaca a Virxe da Asunción, e con diferentes obxectos de prata, como unha cruz parroquial e un copón do Renacemento.

 

 Igrexa de San Mamede da Canda

IGREXA DE SANTA MARÍA DE CARBALLEDAé unha igrexa de nave única que conta cunha fachada sinxela con porta adintelada sobre a cal hai un busto de bronce do beato Juan Jacobo Fernández e unha lápida de mármore conmemorativa. A fachada está rematada por unha espadana dobre con pináculos e acroteras. No interior presenta dúas fornelas ós lados e ten unha cuberta de madeira. É salientable o altar maior cun retablo barroco. A igrexa conta con diversos obxectos de prata como unha custodia do XVIII e dous cálices do XIX. A primeira referencia sobre a súa construción é do 1246 pero foi totalmente transformada no ano 1778.

 Igrexa de Santa María de Carballeda

IGREXA DE SAN XOÁN DE COIRASé un exemplar de igrexa rural de nave única, xa que conta cunha fachada con porta adintelada e pilastras con basamento nas esquinas. Ó remate da fachada atópase unha espadana dobre. No seu interior albérgase un retablo barroco e diversos obxectos de prata, como por exemplo unha custodia e un cáliz. É unha construción da Idade Media, aínda que a súa fábrica foi remodelada no XVIII, da cal non se conserva nada.

 Igrexa de San Xoán de Coiras

IGREXA DE SANTA MARÍA DO DESTERRO (CORNA)trátase dunha igrexa de nave única cunha fachada que ten unha porta adintelada, sobre a cal locen dous escudos: o da congregación de Castela (esquerda) e o de Oseira (dereita). Percorren os currunchos da igrexa pilastras rematadas en pináculos e os laterais contan con pequenos contrafortes. No interior, a nave presenta cuberta de madeira e desmontouse o espazo reservado ó coro. Tres soberbios altares de pedra decoran a igrexa destacando o altar maior con imaxes do crucificado (Renacemento) e diversas imaxes barrocas e do rococó. A súa construción é de finais do século XVIII.

 Igrexa de Sana María do Desterro (Corna)

IGREXA VELLA DE SAN PAIO DE LOEDApequena e sinxela igrexa que conta cunha nave de porta adintelada, xunto a cal figura unha inscrición labrada nun sillar "Esta es iglesia de Refugio y Sagrado". Culmina a fachada unha espadana dobre. Ten diversos elementos adosados: á cabeceira un pousadoiro e á sacristía, o osario. A data máis antiga na que se ten constancia da súa existencia é do século XII, aínda que as súas orixes foron medievais e sufriu unha completa reforma.

 Igrexa Vella de San Paio de Loedas

IGREXA NOVA DE SAN PAIO DE LOEDAé unha soberbia igrexa con planta de cruz e con capelas adosadas ós lados. A fachada conta con dous pisos: o inferior con frontón triangular sobre a porta e o superior con frontón semicircular sobre unha ventá enmarcada entre dúas pilastras; está rematada por un gran frontón triangular sostido por dúas pilastras que ascenden polos laterais da fachada. Completa o conxunto unha torre de planta cadrada rematada cunha pequena cúpula. O encargado do proxecto foi Eduardo Rodríguez de Legísima e os arquitectos desta obra inaugurada no ano 1969, Eusebio Decalong e Frances e Isaac Cadrillo.

 Igrexa Nova de San Paio de Loeda

IGREXA DE SANTIAGO DE TORCELAtrátase dunha robusta igrexa de única nave con contrafortes nas súas paredes laterais. Conta con fachada sinxela con porta adintelada e con pilastras que percorren os seus laterais, e está rematada por unha boa espadana dobre. Adosado a unha das súas paredes hai un pousadoiro levantado sobre unha pequena plataforma. O seu interior conta cun retablo barroco, cunha cruz do século XVII, cunha custodia e cun cáliz do XVIII. A primeira referencia que hai da súa creación é do ano 1199, aínda que sufriu diversas modificacións.

 Igrexa de Santiago de Torcela