PAZOS

PAZO DE LOUSADO (parroquia de Loeda): está situado á entrada do pobo de Lousado e trátase dun pequeno pazo que conta cun edificio principal almeado de dous pisos e unha torre de planta cadrada de tres pisos tamén almeada. Dispón dun edificio secundario de planta cadrada máis alta co resto do pazo. Ten un xardín grande que o rodea. É unha construción modernista e pertence á familia Legísima.

Pazo de Lousado 

 

PAZO DA TORRE (parroquia de Loeda):é un pazo de pequenas dimensións de planta rectangular que conta con dous pisos. Na fachada principal hai unha solaina. Está rodeado por un alto muro de sillares e cachotería tendo como acceso unha porta adintelada e almeada. Cómpre descatar que hai unha pequena e fermosa capela de planta rectangular e con cuberta a dúas augas situada en fronte do pazo e adicada a San Blas. A súa fachada ten un arco de medio punto sostido con columnas e enriba da porta ten un óculo circular, rematada por unha espadana tamén sostida por columnas.

 

 

 Pazo da Torre

 

 

 

 

PAZO DE COIRAS (parroquia de Coiras): atópase na aldea de O Pazo e a día de hoxe pertence a particulares. Trátase dun macizo pequeno de dous pisos, o primeiro destinado a tarefas domésticas e, o segundo, a vivenda. Ten dous balcóns e a ambos lados da fachada sobresaen dúas "garitas".

 

 

 

 

PAZO DE REDA (parroquia da Canda)está formado por dous corpos rectangulares adosados con forma de "T". Ten dous pisos, o inferior destinado a usos agrícolas e, o superior, a vivenda. Ó longo da súa fachada conta con diversos escudos coas armas de Losada, Mosquera, Noguerol, Taboada e outros, e na parte superior conta cunha solaina. O pazo é do século XVI.

 

 

 

 

 

 

PAZO DE VILARIÑO (parroquia da Canda)está situado ó pé da estrada Cotelas – Vilariño, é de planta rectangular que conta con dous pisos e a súa torre almeada conta con tres. Está rodeado por un muro de sillares e cachotería contando nos ángulos con cubos recubertos con cúpulas. A fachada ten un muro almeado con porta de arco de medio punto con dous escudos das armas dos Mosquera, Sotomaior, Andrade e López. Ademais, conta con tres patios, cunha capela de planta rectangular, un pombal e unha fonte de 1680. O pazo é do século XVI.

 

 

 Pazo de Reda

Pazo de Vilariño