Noticia
  • Simple Image Gallery Notice: Joomla!'s /cache folder is not writable. Please correct this folder's permissions, clear your site's cache and retry.

ANDAINAS

Ó longo do ano, o concello de Piñor organiza varias andainas (camiñadas) saudables. Os obxectivos son: fomentar hábitos de vida saudables entre o pobo e dar a coñecer a veciños e forasteiros a riqueza natural, etnográfica e histórica dos antigos e fermosos sendeiros recuperados e acondicionados no Concello.

I ANDAINA SAUDABLE "DESCUBRIR PIÑOR" 2008

Andaina

A 1ª Andaina Saudable de Piñor tivo lugar o 9 de novembro de 2008 alcanzando unha grande afluencia. Os asistentes puideron desfrutar dun día de deporte ó aire libre en compañía dos seus veciños e amigos, gozando de fermosas paisaxes nas que a castaña era a protagonista, e de abundantes mostras de patrimonio histórico-artístico e etnográfico.

Para repoñer forzas degustáronse gratuitamente produtos gastronómicos do municipio na Fábrica de papel de Lousado (do ano 1836), na que o seu dono, o Sr. Presas, ofreceu un agradable discurso ós alí presentes que recibiron información sobre a importancia da Fábrica de papel en Piñor e na comarca. Así mesmo, a organización agasallou a cada participante cunha camiseta conmemorativa coa lenda “concellos saudables” e ó final da camiñada, entre risas e bo humor, sorteáronse vales para unha comida e unha cea, ambas para dúas persoas en dous dos restaurantes do municipio: Restaurante “Ateneo” e Restaurante “Caserío de Torguedo”.

 

 {gallery}andaina_2008{/gallery}

II ANDAINA SAUDABLE "DESCUBRIR PIÑOR" 2009

O 17 de maio de 2009 realizamos a nosa II Andaina saudable “Descubrir Piñor”.

A iniciativa foi todo un éxito, cubríndose a cota de prazas fixada pola organización (200 persoas) dous días antes da fin de inscrición.

A camiñada comezou ás 10.00 e nela participaron “andaríns” chegados das catro provincias galegas.

O tempo non nos acompañou e a choiva volveu a ser, nesta segunda edición, a nosa compañeira ó longo dos 15 km de camiñada. Aínda así, os participantes non se acovardaron e camiñaron co obxectivo de descubrir Piñor. Así, pasaron por Piñor, A Albarona, Lousado, Arenteiriño, Arenteiro, Casarellos, Córneas, Pereira, Barreiros, Cales, Casmoniño e Barrán, volvendo a Piñor para a comida saudable, que tivo lugar no Centro Social.

Trala comida, repartíronse dous premios: Ó “andarín” de maior idade que rematou a ruta e ó “andarín” que máis se aproximou ó tempo sorpresa estimado pola organización. Ademais, repartíronse varios agasallos cedidos por patrocinadores entre os cales destacamos dous vales para unha comida e cea para dúas persoas, cedidos por dous dos restaurantes do Concello: Restaurante “Ateneo” e Restaurante “Caserío de Torguedo”, así coma un vale para unha estancia para dúas persoas nos apartamentos turísticos “As casiñas da avoa Carlota” recentemente inaugurados no mes de abril de 2009.

{gallery}andaina_2009{/gallery}

 

¡MOITAS GRAZAS POR PARTICIPAR E ATA A PRÓXIMA!

 

"FIADEIROS". UNHa NOITE das de antes

Fai anos e, sobre todo na época da guerra, os nosos maiores non tiñan nin cartos nin tampouco había demasiadas tendas para mercar roupa. Por iso, facían eles mesmos a súa roupa, principalmente coa la das ovellas e co liño que plantaban nas terras. Coa la das ovellas facíanse estupendos xerseis, calcetíns e en xeral, roupa de abrigo e co liño facíanse camisas, sabas, manteis, etc.

O proceso do liño desenvolvíase integramente no pobo, desde a sementeira da planta ata a confección da roupa. Logo, no fiadeiro, as mulleres xuntábanse para facer o fío e os mozos para rondar ás mozas. Velaí, os lugares onde se desenvolvían as tarefas de fiar eran puntos non só de traballo senón de gran diversión e neles cantábase, bailábase e contábanse contos.

Na actualidade, o concello de Piñor está intentando recuperar as tradicións populares dos seus maiores, a través de diversas actividades entre as que está a escenificación de fiadeiros, nos cales homes e mulleres danlle vida con vestimenta de época, típica de faena e folclore. Nestas xuntanzas, cántase, báilase e tamén se degustan produtos típicos da zona. Asemade, desde o Concello preténdese que os nosos maiores revivan a súa infancia e xuventude e nos relaten as súas experiencias, transportándonos a aqueles seráns de traballo, humor e maxia.

O primeiro fiadeiro, organizado polo Concello, celebrouse no pobo de Barrán o pasado 30 de xaneiro, alcanzando un grande éxito. Neste primeiro encontro popular, un grupo de pandereteiras amenizou ós alí presentes con música e cancións populares. Ademais, houbo contacontos e petiscos. Sen dúbida, o humor, a alegría e o culto á tradición foron os protagonistas deste primeiro fiadeiro de Piñor.

 {gallery}fiadeiros{/gallery}