
21/06/2010
Categoria: Actividades
O Concello de Piñor informa de que, ata o vindeiro 1 de xullo, permanecerá aberto o prazo de inscrición no IV Programa de Actividades Infantís do Verán, que un ano máis ofrece actividades variadas de luns a venres, en horario de 11:00h a 13:00h no concello vello, e de forma totalmente gratuita.
Neste verán 2010, os cativos maiores de 5 anos, poden beneficiarse de actividades como: xogos e talleres variados, ludoteca, apertura da aula de informática municipal para o seu aproveitamento no verán, III Escola de Teatro e reforzo escolar. Dende o Concello de Piñor valoramos moito o tempo de lecer dos nenos e nenas, tratando de ofrecer actividades variadas cada día:
- Luns: “Xogos e talleres”: manualidades, talleres lúdico-educativos...
- Martes: Ludoteca
- Mércores: “Apertura da aula de informática”: aproveitarase o verán para abrir a aula de internet rural tódolos mércores pola mañá, só para os nenos e nenas inscritos no programa, podendo xogar pero tamén aproveitar os ordenadores para buscar información, etc.
- Xoves: “III Escola de Teatro do Verán”: destinada a nenos/as maiores de 8 anos, que representarán a obra “O belo durminte e o mundo ó revés” ó rematar o verán.
- Venres: Reforzo escolar: atendendo ós alumnos de Primaria en horario de 11:00h a 12:30h, e ós de E.S.O de 12:30h a 14:00h.
O programa será inaugurado oficialmente o día 5 de xullo, cunha xornada de “Lecer no rural”, que consiste nunha maratón de xogos impartida por monitores infantís, e finalizará o 27 de agosto.
Polo tanto, considérase importante cubrir o tempo de ocio dos cativos pero tamén valoramos as súas necesidades educativas, pois o verán é un período vacacional moi longo que debe incluír un tempo adicado ás tarefas escolares, evitando así a perda de coñecementos e habilidades.
dirección: Piñor s/n · 32137 · Piñor · Ourense |
teléfono: 988 403 236 fax: 988 403 320 |
correo: info@pinor.es